Segundo a ORDE do 26 de abril de 2013 pola que se establecen as bases e se
convocan subvencións para o desenvolvemento de programas dirixidos a redución
do abandono escolar nos concellos de Galicia para o ano 2013, preséntase o
seguinte proxecto para o desenvolvemento de actividades de formación non
regrada que favorezan a reincorporación de mozos e mozas ao sistema educativo.
Así, pretendemos desenvolver actividades que proporcionen unha formación
integral ao alumnado e, ao mesmo tempo, promover o esforzo compartido de toda a
comunidade educativa na procura do éxito escolar e na redución do abandono
temperán dos estudos por parte da nosa mocidade.
O motivo deste proxecto baséase na necesidade de promoción dos mozos e
mozas de entre 16 e 24 anos que non obtiveron o graduado en educación
secundaria obrigatoria (ESO) ou superior polo abandono do sistema educativo.
No Concello de Bergondo a poboación
nova no ano 2013 representa o 30% dos habitantes totais, entre os cales o 25% non
conta co graduado na ESO polo que se aprecia unha necesidade e unha demanda de
solventar esta situación. Unha das principais causas do prematuro abandono
escolar foi a incorporación temperá ao mercado laboral provocando un desapego do
sistema educativo. Pero moitos destes mozos e mozas na actualidade encóntranse
en situación de desemprego polo que necesitan retomar os seus estudos como unha
oportunidade de promoción educativa e profesional.
O Concello de Bergondo tamén se apoia na lexislación actual para promover o
benestar da súa poboación a través de este proxecto amparándose entre outras
cousas no artigo 27 da Constitución española que establece “o dereito de todos
á educación e asigna aos poderes
públicos a obriga de garantir este dereito” permitindo “acadar uns niveis altos
de calidade, independentemente das condicións sociais, culturais e económicas
da familia e do contorno”.
En base a isto promovemos este programa de actividades educativas para
favorecer a reincorporación da poboación destinataria ao sistema educativo, cunha
previsión de éxito importante pola alta demanda detectada- a través de
asociacións, dos distintos membros da comunidade educativa…- e o interese
mostrado polas familias, a nivel colectivo e individual, por contar cun
proxecto acorde ás necesidades descritas.
A metodoloxía a seguir para este proxecto será participativa, activa e con
compoñentes lúdicos, co fin de:
1.- Cubrir as necesidades do colectivo destinatario proporcionándolles
medios materiais e humanos para a preparación das probas libres.
2.- Promover as relacións interpersoais entre os compañeiros e compañeiras nun
marco de liberdade, autonomía, creatividade, comunicación e esforzo
automotivado, a través da realización de diferentes talleres.
Para un bo desenvolvemento do proxecto contarase con instalacións e persoal
capacitado ademais de novas tecnoloxías a disposición dos beneficiarios e
beneficiarias.
Todo isto levarase a cabo dende unha perspectiva obxectiva e reflexiva,
fomentando a participación social e o traballo colaborativo entre os mozos e
mozas de Bergondo, a través dunhas actividades de formación non regrada que
busquen a incorporación ao sistema educativo así como a implicación das
familias en xornadas, reunións e asembleas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario